sábado, 29 de maio de 2010
MAÑÁN DOMINGO 30 , HOMENAXE E LEMBRANZA ÁS VÍCTIMAS DA FOLGA DE 1901 NA CORUÑA
Como cada ano, o vindeiro domingo, día 30 de maio, ás 13:00 horas, no cemiterio de San Amaro da Coruña, terá lugar unha ofrenda floral organizada pola CGT da Coruña en lembranza das vítimas na folga xeral (a folga dos “consumeros”) que tivo lugar na cidade da Coruña os días 30 e 31 de maio e día 1 de xuño de 1901.
A ofrenda terá lugar no monolito levantado polas sociedades obreiras e sufragado por subscrición popular no ano 1906 e que está situado no interior do cemiterio.
E AGORA LEMBREMOS COMO SUCEDERAN OS FEITOS:
Situámonos a finais de maio de 1901, os empregados de consumos da Coruña declararonse en folga para conseguiren unha serie de melloras laborais. Eran os consumeiros, que así se chamaban, os encargados de recadar os impostos municipais de consumos, función que estaba cedida a un particular, do que eran empregados. Decretada a folga, ésta foise extendendo a toda a cidade, que pouco a pouco, quedou en mans da comisión de folga: non había transporte, nen coches de punto nen líñas regulares, suministros ou incluso as fontes eran taponadas durante varias horas ao día, para que só puidera suministrarse auga ás familias traballadoras e aos colexios e hospitais.
Na tarde do 30 de maio, cando se celebraba unha concentración ante o fielato de Catro Camiños, no que estaban traballando esquirois, prodúxose o asasinato do empregado de consumos Mauro Sánchez por parte da Garda Civil, presumiblemente por se resistir á súa detención. Inmediatamente, a folga se tornou en revolucionaria e o enterro do traballador, o día 31, transformouse nunha impresionante manifestación antiburguesa. Unha inxente multitude dispúxose a acompañar ao consumeiro na súa derradeira viaxe, pero as autoridades militares (se tiña decretado a lei marcial) non estaban dispostas a consentiren tal desafío ao seu poder. En pleno centro da cidade, as tropas dispararon a quemarropa contra a multitude, causando víctimas entre os traballadores e traballadoras que nela había. O resultado foi a morte de oito persoas mais e varios mutilados pola acción dos sables, balas e cabalos da tropa.
Non contentos con tal canallada, o Capitán Xeral, un individuo chamado Lachambre e coñecido na Coruña como o amigo do frasco da xinebra, comezou a deter a traballadores a partires do dous de xuño, conseguindo coa súa fazaña que mais de cen foran condeados, en consello de guerra, a penas de entre cinco e vinte anos de cadea.
Ante o escándalo internacional, os militares xulgaron nun tribunal de honra ao tenente Pedro Vázquez, que mandaba a tropa, que foi condeado á súa expulsión do corpo. Non entendendo cecais o alcance da xustiza militar, aos poucos días, o compañeiro anarquista Ricardo Cotelo disparou contra o tenente, pero este librouse polos pelos, fuxindo entre unha persecución na que interviron varias mulleres que pasaban polo lugar.
Catro traballadoras e cinco traballadores coruñeses morreron naquelas xornadas. Na súa lembranza, as sociedades obreiras coruñesas, por suscripción popular, erixiron en 1906 un monumento no cemiterio de San Amaro, que ainda existe.
Os asasinados foron os seguintes:
Mauro Sánchez: consumeiro de 34 anos. Vivía coa súa muller e cinco fillos na estrada da Torre. Morto por bala na cabeza.
Benita García Torres e Manuela González Seijo: serventas do Hotel de Francia de 20 e 29 anos respectivamente. Mortas dun balazo no ventre cando estaban asomadas nunha galería.
Concepción Alonso,
Josefa Corral: 42 anos. Un balazo na cabeza cando estaba sentada na galería da súa casa en San Andrés.
Antonio Bruno Orro: Augador. Recibiu un balazo no peito en San Andrés.
Antonio M.ª Veiga: Ancián carpinteiro. Morreu no hospital tras recibir un balazo na Rúa Real.
Francisco García Lodeiro, alias Carabel: Aserrador de 35 anos. Natural de Mabegondo. Morto por un balazo no ventre na Rúa Alta.
Jacobo García: Zapateiro. Escondeuse no local da Sociedade de Oficios Varios da rúa Cordelería e morreu dun balazo.
Encarnación Alonso: Non se ten mais información que a de que o seu nome aparece no monolito. Probablemente faleceu mais tarde como consecuencia das feridas.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario