O BOE publicou a infamante Lei de taxas da Administración de Xustiza, unha lei creada co único obxectivo de recadar, xa sexa de forma directa a aqueles que decidan meterse nun preito, ou de xeito indirecto, dado que en moitos casos -coma as multas de tráfico máis comúns- é máis caro o foro que o ovo, é dicir pagaremos máis por que nos quiten unha multa que pola multa en si.
Pero por se iso non fose suficiente, o goberno aproveitou, sen luces e taquígrafos, para facer outro recorte específico para os funcionarios, non vaian seguir tranquilos.
A lei derroga o apartado 3 do artigo 23 da Lei 29/1998, da xurisdición contencioso-administrativa.
E en que afecta iso aos funcionarios?
Pois o artigo derrogado dicía que os funcionarios poderían comparecer perante os xulgados do contencioso por si mesmos en defensa dos seus dereitos, cando se refiran a cuestións de persoal, é dicir, que non tiñan que ir con procurador e avogado.
Así que de agora en diante, haberá que ir con toda a parafernalia -pagando, por suposto- se queremos reclamar unha situación administrativa, un trienio ou calquera outra cuestión de persoal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario